Vistas de página en total

lunes, febrero 27, 2012

Asemblea xeral da AMC-Pepe Valiña-Coral Xan Mella





O pasado venres 17 de febreiro a AMC Pepe Valiña-Coral Xan Mella celebrou asemblea xeral ordinaria onde se fixo balance do traballo feito no pasado 2011 e se estudaron as propostas para este 2012 no que a Coral Xan Mella celebra o seu décimo aniversario.
Foron 25 actuacións as celebradas pola Coral Xan Mella no ano pasado das que 18 foron fora de Baio (a destacar a celebrada no Centro asturiano de Oviedo) nun periplo que ademais de levarnos a terras asturianas nos acercou a Beluso-Bueu (Pontevedra), Calo-Teo (Santiago), Muxía, Santa Comba, Cee, Traba-Coristanco, Laxe, Corcubión, As Pontes de García Rodríguez, Sada e Malpica, ademáis de cantar na capital do noso concello e, por suposto, na nosa vila labartiana.
Ademáis da coral a asociación celebrou a tradicional Cachela de San Xoán, colaboramos na presentación de libros (destacando a multitudinaria presencia de xentes na presentación da obra póstuma "Sabias que Baio... e algo máis" do noso presidente fundador Pepe Valiña), saímos de Ronda de Nadal polos bares e tabernas de Baio e seguimos coa nosa Escola de Música onde preto de cincoenta rapazas e rapaces acuden a clases de piano e linguaxe musical.
Para este ano 2012 no que celebramos o X aniversario da Coral Xan Mella hai programados tres concertos en Baio nas seguintes datas:
  • X Encontro de corais o sábado 16 de xuño
  • Encontro de corais da costa da Morte o sábado 20 de outubro
  • IX Memorial Pepe Valiña, Concerto X aniversario o sábado 15 de decembro
Hai perfiladas tamén unha serie de saídas que, ademáis de levar as nosas cantigas por distintos lugares da provincia de A Coruña na Rede Cultural da Deputación, nos farán viaxar a terras, luguesas, pontevedresas, asturianas e cántabras das que iremos dando conta neste blog.
Está no noso maxín tamén a idea de editar unha revista conmemorativa do X aniversario onde se recolla unha escolma fotográfica destes dez fructíferos anos sempre baixo a batuta da nosa profesora Tatiana Pankrátova.
Para rematar, e como ven sendo tradición, desfrutamos dunha pantagruélica cea cociñada polas irmáns do noso presidente fundador (non faltaron as "Ameixas estilo Casa Ovidio" nin o galo de corral). Aos postres Olga e Teresa Valiña fixeron entrega á nosa asociación dos beneficios que deu a venda o libro de seu irmán José Rojo Valiña.
Foi unha xornada entrañable onde non faltaron as cantigas de sobremesa acompañadas da guitarra do bo amigo Oscar Moya.
E moitas grazas a todos os que colaboran coa nosa asociación, sobre todo ao Concello de Zas e á Deputación da Coruña sen cuxa axuda institucional non poderíamos levar a cabo a nosa intensa actividade músico-cultural. Tamén agradecerlle a outras persoas e empresas privadas todo o que están a facer pola AMC Pepe Valiña-Coral Xan Mella (Restaurantes Gasthof, La Juvenil de Argentina, Imprenta San Cristóbal, advogado Antonio Platas, Olga e Teresa Rojo Valiña etc... teño medo a esquecerme de alguén: Grazas a todos e a seguir gozando da boa música!.
P.S.- Este ano tamén as sobremesas foron deliciosas: "orellas" de Carmiña de Kilowatio, "chulas" de Maruja de Costa, "flan de queixo" de Matilde de Roberto e "láminas de chocolate suízo con noces" de Marité Motos.(Creo... que hai que encargar vestidos novos...)

No hay comentarios: